Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Brión investirá 4.500 euros en reparar os destrozos causados por un grupo de descoñecidos na escola unitaria da Luaña


Ademais da unitaria, causaron danos materiais no teleclube parroquial e no campo de fútbol

Un grupo de descoñecidos destrozou durante a pasada Noiteboa o interior da escola unitaria da Luaña (Brión) e causou importantes danos materiais no teleclube parroquial e no campo de fútbol, emprazados a menos de cen metros do centro escolar. O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “descontando os equipos informáticos, para os que xa se solicitou unha axuda á Xunta para a súa reposición, os nosos técnicos estiman en 4.500 euros os danos causados no interior da escola unitaria, onde xa comezaron a traballar os nosos obreiros para que poida estar reparada de cara á volta das vacacións escolares”.

Os destrozos tiveron lugar durante esta Noiteboa, momento no que un grupo de individuos forzou a porta da escola unitaria da Luaña, rompeu os ordenadores e as pantallas, destrozou o mobiliario e baleirou os extintores no interior do inmoble. Acto seguido, desprazáronse uns cen metros ata o teleclub parroquial, onde forzaron a porta, queimaron e romperon as fichas dos equipos de fútbol da parroquia, rompéronlles as camisetas e material deportivo, e pintarrajearon as paredes do local. Finalmente, tamén entraron no campo de fútbol, onde romperon a porta e diverso material deportivo, como a carreta que se usa para marcar as liñas do campo. O grupo deuse á fuga cando foi sorprendido por uns veciños da zona.

José Luís García indica que “aínda non temos unha valoración económica dos destrozos no teleclub e no campo de fútbol, xa que nos estamos centrando en reparar a unitaria para que estea lista para a volta dos rapaces despois das vacacións de Nadal. Pero despois tamén arranxaremos ambas instalacións”. A Policía Local de Brión xa presentou a súa correspondente denuncia dos feitos diante da Garda Civil e agárdase poder dar cos culpables grazas á colaboración veciñal. De feito, dende o Concello de Brión fan un chamamento á colaboración de todos os veciños e veciñas da zona para tratar de identificar aos responsables destes destrozos.